Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Fene adxudica provisionalmente as obras de reparación nas rúas Muíños e Dr. Francisco Malvar Vázquez


O proxecto finánciase con cargo ao POS+ Adicional de 2020
A Mesa de Contratación acordou esta mesma mañá adxudicarlle provisionalmente a Construcciones Ponciano Nieto S.L. as obras de renovación do pavimento na trama única formada polas rúas Muíños e Doutor Francisco Malvar Vázquez. Trátase de dous eixos interiores do casco urbano fenés que concentran unha alta densidade de poboación e que, no caso de Francisco Malvar, é un dos principais enlaces entre o Cruce de Fene e a rúa da Fraga. Ademais as obras completaranse coa renovación dos colectores do saneamento na rúa Muíños. O seu importe ascende a algo máis de 79.000 euros, sufragados con cargo ao POS+ Adicional de 2020.

Tal e como recolle a documentación publicada no Perfil de Contratante municipal, á licitación presentáronse un total de 14 empresas das que dúas presentaron, a xuízo da Mesa, un prezo anormalmente baixo. Unha delas foi Ponciano Nieto, quen a pesar de achegar unha baixa inferior en máis de 1.000 euros á considerada como temeraria foi capaz de xustificar a súa capacidade para levar a cabo o traballo de acordo cos pregos técnicos e polo prezo ofertado.

Así, unha actuación licitada inicialmente en 131.263,03 euros executarase finalmente por 79.033,47 euros -en ambos casos ive incluído- dentro dun prazo máximo de 45 días trala sinatura do contrato e, unha vez rematada, cun prazo de garantía de cinco anos.

Deixando a un lado as cuestións administrativas e de transparencia, o caso é que se van reparar de maneira inminente dúas das rúas que máis poboación concentran no casco urbano de Fene: a rúa Doutor Francisco Malvar Vázquez, que enlaza o Cruce de Fene coa rúa da Fraga, e a súa transversal, a rúa Muíños, con saída a Naturais de Fene nun extremo e á parte alta de Marqués de Figueroa -pola rúa Calvario- no outro.

Entre as dúas suman case 450 metros de rueiro nos que a intervención principal será a substitución do firme por un novo aglomerado, que se acompañará tamén de nova sinalización horizontal e vertical.

O proxecto de mellora recolle, ademais, instalar previamente na rúa Muíños canalizacións do saneamento de maior diámetro e resistencia que acaben dunha vez cos problemas de atoamentos e rebordamentos de fecais que se viñan producindo na zona nos últimos anos.

A Mesa de Contratación acordou esta mañá a adxudicación provisional do contrato e agárdase que nuns días poida asinarse e facer o replanteo dunhas obras que, de non haber contratempos, deberían quedar listas antes do verán.